Tuesday 07 de May de 2024

A Consellería de Cultura e Educación pecha o ano na Biblioteca Pública de Santiago ‘Ánxel Casal’ con obradoiros para nenos e un concerto didáctico


O departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad organiza nestas datas máis 70 actividades nos museos e bibliotecas que del dependen en toda a xeografía galega

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pechará o ano 2014 na Biblioteca Pública de Santiago ‘Ánxel Casal’ con obradoiros para nenas e nenos e mais cun concerto didáctico. Estas actividades enmárcanse na ampla programación que organiza o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad nestas datas, con máis 70 accións nos museos e bibliotecas que del dependen en toda a xeografía galega.

A primeira das citas será o 29 de decembro ás 18,30 horas no Salón de actos cun obradoiro a cargo de Galileo Nenos arredor do xogo de mesa ‘Peregrinus’. Esta actividade permitirá que nena e nenos de 8 a 14 anos – acompañados de seus pais e nais- se somerxan neste xogo e afonden no coñecemento das lendas da nosa terra. Así mesmo poderán participan nunha sesión de creación de criaturas lendarias galegas, onde serán iniciados no debuxo por Xosé Tomás, ilustrador do devandito xogo. O día 30 ás 11,30 horas na Sala infantil será a quenda das manualidades, cun obradoiro impartido por Elena Potomeñe e Silvia Codesido no que se ensinará a cativos de 6 a 12 anos a facer bolsas, caixas e envoltorios para preparar os agasallos destas datas. Ambas os dous talleres precisan de inscrición previa.

Xa para pechar o ano celebrarase na Ánxel Casal o concerto didáctico de frauta traveseira ‘Unha frauta chea de soños’. Nel Luis Soto, que ocupa o posto de frauta-frautín na Real Filharmonía de Galicia, convidará ao público infantil a acompañalo con cadanseu instrumento na narración dun conto falado e tocado, ao tempo que se inician no mundo da música clásica. O recital celebrarase ás 18,30 horas no Salón de actos.

Asemade, ata o 30 de decembro poderá visitarse na biblioteca a exposición ‘Títeres de África’, na que se recolle o teatro tradicional de monicreques deste continente; e ata o 31 deste mes a mostra bibliográfica ‘Pesadelo no Nadal: os malos do conto’, na que se expoñen os materiais infantís máis destacados da Ánxel casal que teñen como temática estas datas.

O 2015 chegará tamén cargado de novas iniciativas, que arrincarán o 3 de xaneiro da man de Teresa Grau co contacontos ‘Sana sana curtia de rana’, para nenas e nenos de 3 a 12 anos. Ademais, o 7 de xaneiro celebrarase no Salón de actos da biblioteca ás 12 horas a entrega de premios aos gañadores do III Concurso de Fotografía ‘Lendo en Compostela’, convocado pola Ánxel Casal.